a longametraxe documental

O 10 de marzo de 1972 a policía franquista dispara en Ferrol contra unha manifestación pacífica de traballadores, causando dúas mortes e ducias de feridos de bala. Este acontecemento, a repercusión internacional do mesmo e o posterior proceso xudicial no que as vítimas son xulgadas, establecerá un antes e un despois para a sociedade galega na loita contra a ditadura.

Abordamos por primeira vez, en formato de longametraxe documental, o acontecemento máis icónico da loita polas liberdades e os dereitos sociais no noso país no tramo final do franquismo.

Mediante entrevistas aos protagonistas dos feitos, materiais de arquivo fotográfico e documental e secuencias dramatizadas, o filme reconstrúe estes acontecementos.